miércoles, agosto 02, 2006

A Consellería de Traballo insta a Jazztel a reconsiderar o despido de máis de 600 traballadores na Coruña

A delegada provincial da Consellería, María Debén, púxose en contacto co presidente da compañía para solicitarlle que reconsidere a resolución destes contratos, e se reanude así o servizo de atención ao cliente que a empresa tiña subcontratado con Telepreformance e Stream


Santiago, 1 de agosto de 2006.- A delegada provincial de Traballo na Coruña, María Debén, dirixiuse ao presidente de Jazztel, Leopoldo Fernández, a través dunha carta, para transmitirlle a preocupación da Consellería polos efectos da rescisión dos contratos subscritos pola entidade coas empresas Telepreformance e Stream en relación á sede da Coruña.

En concreto, esta situación afecta a 370 traballadores e traballadoras de Telepreformance, e a 240 de Stream, subcontratados por un período de catro anos por Jazztel, para prestar o servizo de Atención ao Cliente.

No documento remitido ao presidente de Jazztel, a delegada de Traballo, salienta a formación da que goza o persoal agora despedido, especificamente no desempeño das tarefas encomendadas, “o que repercutiu na prestación dun servizo de indubidable calidade durante o ano que estivo vixente o contrato”, manifesta Debén.

Así, a delegada da Coruña, solicita á compañía que reconsidere esta “inesperada decisión de proceder á resolución dos contratos, por razóns alleas á eficacia do servizo prestado”, e reanude por tanto as relacións comerciais durante o tempo para o que foran inicialmente previstas.

Segundo destaca a delegada de Traballo, esta decisión, que xurde da procura da empresa dun abaratamento dos custes a través do traslado do servizo a Arxentina, leva aparelladas importantes consecuencias derivadas da perda dos devanditos postos de traballo, e apela a que a “a cidadanía percibe de forma moi positiva que cando se contrata un servizo cunha entidade, esa prestación leve aparellada a creación e o mantemento de postos de traballo nas cidades e vilas do propio país, na medida que se constitúe nunha fonte de creación de riqueza”.

Fuente: Xunta.es