jueves, agosto 03, 2006

Medios: A barato sempre hai quen gañe

Xusto agora que andamos de noraboa polo aquelo da baixada do paro en Galicia, voulles lembrar outra nova relacionada e menos boa. Certo é que neste segundo trimestre o desemprego reducíuse 18.300 persoas, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Certo é tamén que Galicia liderou en España o descenso do desemprego con 5.678 parados menos neste último mes de xullo. Tamén semella un dato certo, ao abeiro da estatística, que o número de afiliados á Seguridade Social en Galicia medrou en 31.236 persoas dende xullo de 2005. Pero lamento pronosticar que no trimestre que entra vamos perder, só na Coruña, camiño de 1.000 postos de traballo. Aí é nada…

O sector afectado neste caso é o do Telemárketing. Na cidade herculina agroman nos últimos anos plataformas de atención telefónica das que moitas multinacionais fan uso para externacionalizar os seus servizos. Disque por estes lares temos un son no falar que non rexeitan noutras rexións do país e tamén que os galegos, e os coruñeses máis aínda, somos xente moi paciente e servicial. En resumidas contas, seica os estudos sociolóxicos e de mercado que se fixeron din que os galegos caemos ben e que, dada a nosa idiosincrasia, case que nacemos para exercer de teleoperadores. Amén. Pero se vamos á realidade pura e dura, o realmente certo, o que se pode contrastar con datos obxectivos, é que o asunto de que miren para nós é netamente monetario. Explícome.

Ao abeiro da Torre de Hércules agroman a estalla parados con titulación universitaria dispostos a desempregar un traballo para o que noutras latitudes só acudirían traballadores con estudos secundarios. Xente esta última, perfectamente preparada para a meirande parte dos postos que se ofertan. Pero as cousas non funcionan así dadas cifras de paro que padecemos. Póñolles dous ejemplos: Poidendo ter un enxeñeiro informático para lle explicar a o teu cliente cómo configurar a súa conexión a Internet ¿quen vai contratar a un técnico en informática de xestión cunha simple FP? Se podes ter un titulado en marketing e relacións públicas para vender os teus productos, por que vas quedar cunha persoa que únicamente rematou a ESO. Vaia por diante que poideran ser os de menor titulación académica os de mais cualificación profesional e, ao cabo, os que mellor farían o traballo, que é do que se trata. Pero xa saben que neste país hailles unha titulitis de órdago. A cousa vai así: Se a plataforma está en Galicia, co mesmo soldo (asignado por convenio) a maioría do persoal terá unha preparación superior. Por iso veñen. Ao abeiro do clásico: “máis polo mesmo”.

PRECARIEDADE POLA TEMPORALIDADE.- Os salarios do convenio de Telemárketing non dan nin para pipas en Madrid, pero en Galicia achéganse ao que temos por un salario digno (sempre que falemos de xornadas completas). Non me mal interpreten. A cousa non lles é para botar fogetes, non, pero da para vivir. A maior precariedade do sector non está na soldada. Aínda que si noutros aspectos. O que si é certo e que o sector adolece, coma outros tantos por equí, dunha enorme temporalidade. "Hoxe traballas, mañá vai ti saber"; "dámosche emprego para este mes"; "ofrecémosche só esta campaña que é dun mes"; "únicamente temos sitio nos turnos da noite ou nas fines de semana"… En fin, que cada pouco quedas no paro, rotas unha e outra vez en diferentes postos na procura do ansiado contrato por obra. Saiban que no mundo do Telemárketing os contratos fixos son unha rareza. Aínda que habelos, hainos. A estabilidade laboral máis común ven dada polos contratos por obra ou servizo. Pero tamén as obras rematan. Cousa que nos leva de volta ao comezo deste artigo.

A Coruña vai perder preto de 1.000 postos de traballo nestes días. Aviso a navegantes, vai haber overbooking na cola do INEM. Jazztel rescinde os contratos de prestación de servizos con dous call centers coruñeses. Teleperformance, que atendía os seus números de atención ao cliente, e Stream que levaba o eido do soporte técnico. Deste xeito, máis de 600 empregados, entre a dúas compañías, ven chegar pola porta a temida extinción da súa vinculación laboral coas empresas citadas por un rotundo fin de obra.

AS FORMAS.- Pouco ou nada poden facer Stream ou Teleperformance para conservar os postos de traballo que se esfuman (240 e 370 respectivamente). Eles tamén perden ao cliente. Pero están as formas. Por iso é xusto aplaudir a quenes miran de recolocar en ocos que xurden noutras campañas aos traballadores afectados, e tamén é preciso dar un tirón de orellas ós que despiden sen dar a cara. É de recibo que se saiba que algunha destas compañías vai alongar os contratos aos traballadores ata que acaden cotización dabondo para ter dereito a unha prestación por desemprego. Que dentro do malo, é un alivio.

Sexa como fora, o caso é que a deslocalización está a bater con ansia na maltreita economía de servicios herculina. Ademáis do palo da marcha dos servicios de Jazztel ao mercado latinoamericano de teleoperadores, está a ameaza de traslado tamén fóra do Estado doutro servizo que se presta, neste caso para Telefónica, na plataforma herculina de Atento. Sumados uns e outros as contas falan de preto de 1.000 parados.

Xa non só a nosa roupa faise fóra. Agora tamén nos van atenden dende outros países para facer uso de servizos que únicamente teñen clientes no territorio español. A deslocalización é brutal e chega a tódolos eidos.

Hai un ano Jazztel elexiou a A Coruña para dar cobertura aos seus servizos de Atención ao Cliente e Soporte Técnico. No primeiro caso foi a plataforma de Teleperformance a beneficiaria do contrato e no segundo a de Stream. Un ano despois os máis de 600 postos de traballo creados emigran. Por sorte, os traballadores aínda non teñen que facer a maleta.

AS PROTESTAS.- O destino dos servicios está en Latinoamérica. I é que a barato sempre hai quen gañe. A deslocalización eche o que ten… As protestas destes traballadores, agrupados sindicalmente e na Coordinadora Unitaria de Traballadores de Telemárketing, chegaron ao Parlamento Galego, ao concello da Coruña, e mereceron unha carta da delegada provincial da Consellería de Traballo, María Debén, á dirección de Jazztel, pero pouco ou nada se puido facer polo de agora.

Deslocaliza e aforrarás. Esa parece ser a máxima dalgúns empresarios. Da calidade do servizo, pouco hai que falar. Diso deixámolo como tarefa pendente para os clientes da compañía principal que externaliza os servizos, se é que procede. Cousa ésta que tampouco tería por que pasar. Alén do mar poden saber traballar tan ben como aquí.

RESPECTO Á LEI DE PROTECCIÓN DE DATOS.- O que si debera ter un control por parte dos nosos Gobernos e o uso que se vai dar aos datos persoais dos clientes. Ese arquivos agora emigran xunto cos postos de traballo. Non faltan as voces que preguntan sobre este asunto. Plantéxase se nos Estados que van dar agora o servizo existen garantías de confidencialidade nos mesmos extremos que se dan en España. No noso país hai unha normativa específica ao respecto da man da Lei de Protección de Datos. ¿Ocorre o mesmo aló?

Ao cabo, a lección que temos que aprender para o futuro tanto os traballadores, coma os empresarios e os gobernantes, é que non se pode competir por barato durante moito tempo. Esa foi unha equivocación da anterior Xunta. Ese tipo de tecido económico tarde ou cedo remata. Hai que ir na procura de produtos e servizos que nos fagan diferentes aos ollos dos nosos potenciais clientes. Doutro xeito, sempre habemos dar con outros que están peor ca nós e que fan o traballo por menos cartos. Insisto, a barato, sempre hai quen gañe, se fai falta, deslocalizando.


Fuente: Xornal.Com